Friday 03 de May de 2024

A Consellería de Cultura e Educación convoca 350.000 euros en axudas para distribución de espectáculos e promoción exterior


Mantén a dotación desta liña de apoio, enmarcada no programa de subvencións ás industrias culturais da Agadic para 2015

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de abrir a nova convocatoria de subvencións ás actividades de distribución para as industrias culturais por un importe total de 350.000 euros. O departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad mantén así a dotación desta liña de apoio dirixida a favorecer a exhibición de espectáculos galegos profesionais dentro e fóra da nosa Comunidade, así como a promoción exterior a través da participación en mercados e feiras internacionais.

Inseridas no programa xeral de axudas da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) ao sector cultural galego para 2015, estas subvencións poden solicitarse ata o 31 de agosto para aquelas accións de distribución ou promoción desenvolvidas por empresas culturais, compañías escénicas ou grupos de música entre o 1 de novembro de 2014 e o 31 de outubro de 2015. A súa concesión é automática e realízase por orde cronolóxica, atendendo todas aquelas solicitudes que reúnan os requisitos esixidos ata finalizar o prazo ou, no seu caso, ata o esgotamento da partida orzamentaria asignada.

Xiras e festivais fóra de Galicia
Como en anos anteriores, a convocatoria publicada esta semana no Diario Oficial de Galicia (DOG) establece catro modalidades para catro tipos de actividade. En primeiro lugar, a de distribución exterior de espectáculos de artes escénicas e musicais diríxese a aquelas propostas de exhibición a nivel estatal ou internacional consistentes na realización dun mínimo de tres actuacións, establecéndose ademais un límite máximo de oito funcións ou concertos nun mesmo espazo. Nunha segunda categoría sitúanse as axudas para a representación de espectáculos de artes escénicas ou a realización de concertos en feiras e festivais que se celebren fóra de Galicia.

A terceira modalidade destínase a favorecer a asistencia a feiras e mercados internacionais fóra da nosa Comunidade de empresas galegas dedicadas profesionalmente á produción e distribución de bens ou servizos culturais, mentres que a última está pensada para proxectos de distribución de espectáculos escénicos en escenarios galegos.

Apoio á totalidade das solicitudes en 2014
A través desta mesma liña de apoio, a Consellería de Cultura e Educación cofinanciou en 2014 un total de 104 propostas de 54 empresas culturais galegas, apoiando así a totalidade das solicitudes presentadas en prazo e de acordo cos requisitos esixidos. Do conxunto de accións subvencionadas, 46 corresponderon a actuacións e xiras nacionais e internacionais de compañías escénicas e de grupos e intérpretes musicais.